Thursday 02 de May de 2024

O Grupo Socialista reúnese con AGADEA e reafírmase no seu compromiso coas entidades sociais


As concelleiras Marta Álvarez e Mila Castro visitaron as instalacións de AGADEA LAB, un novo centro que a asociación puxo en marcha no 2023 para persoas en fase inicial da enfermidade

“O seu traballo para mellorar a calidade de vida das persoas con alzheimer é imprescindible e debe contar co apoio das institucións” defendeu Álvarez.

AGADEA LAB son as novas instalacións que a Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Azlheimer creou o pasado ano na rúa Rosalía de Castro como centro de acollemento para persoas na fase inicial da enfermidade, pero tamén para o desenvolvemento de actividades de envellecemento activo. “Un traballo imprescindible” destacou a concelleira socialista, Marta Álvarez, nunha visita ao centro no que quixo reafirmar o compromiso do Grupo Socialista coas entidades sociais: “son un tecido imprescindible que chega alí onde as administracións públicas non alcanzan”.

Nun encontro coa presidenta, Isabel Gey e no que tamén participou a coordinadora da entidade na zona de Santiago, Lucía Fandiño, Álvarez quixo interesarse polas actividades que ten en marcha a entidade. Unha visita na que participou tamén a que fora concelleira de Políticas Sociais durante o mandato socialista, Mila Castro. Ambas coincidiron en sinalar nas necesidades de Santiago en este tipo de centros, con máis de 23.000 persoas maiores de 65 anos no municipio “é fundamental potenciar actividades que preveñan o deterioro cognitivo de estas persoas e fomenten un envellecemento activo”.

Neste sentido, lembran que durante o mandato socialista implantáronse dúas actividades en colaboración con Agadea nos centros socioculturais do rural e dirixidas a fomentar ese envellecemento activo dirixidos ás persoas maiores para mellorar e conservar as súas capacidades, tanto físicas como cognitivas. Unha liña de traballo que, coinciden en reclamar que “debe manterse no futuro”.